Cambiará o 20 de Xuño do 2018 a nosa forma de ver a televisión?

Co galo de celebrar o ter creado unha comunidade de 1.000.000.000 de usuarios, Instagram ven de anunciar a súa firme intención de por patas arriba o mundo dos contidos audiovisuais dixitais.

“Instagram presentou a pasada semana IGTV, a ferramenta coa que busca competir directamente có todopoderoso YouTube”

Para conseguilo lanzou IGTV, a ferramenta coa que busca competir directamente có todopoderoso YouTube. Instagram continúa o seu ascenso meteórico. Tras destronar na súa particular contenda mestre-aprendiz a Snapchat, agora prepárase para enfrontar a plataforma de vídeos máis importante do mundo.

Cales son as súas bazas? En primeiro lugar Instagram soubo interpretar os datos, vendo que o crecemento do formato vídeo dentro da aplicación situábase no 60% anual. Por outra banda, YouTube non está a pasar polo seu mellor momento. Un descenso na monetización dos vídeos nesta plataforma levou a queixas unánimes por parte dos creadores de contido, o seu verdadeiro motor. A isto haille que sumar constantes problemas coas notificacións á hora de subir vídeos, á eliminación de subscriptores sen previo aviso en diferentes canais, así como os controvertibles cambios nas políticas de YouTube.




Outro xogador estase a posicionar nesta partida “multiplayer” e non podía ser outro que Amazon, que xa no 2014 adquiriu a plataforma de videoxogos, Twitch. Nun primeiro momento, ía estar enfocado exclusivamente ao streaming, é dicir a unha retransmisión en directo e sen almacenar o contido, pero co tempo e a presión dos usuarios acabou por permitir a permanencia dos vídeos. Para facer fronte a Twitch, YouTube lanzou YouTube Gaming, a súa proposta competitiva para o sector dos videoxogos, de momento, con resultados peores dos esperados.

Agora Instagram tamén busca facerse cunha parte do pastel, nun sector ultracompetitivo, dirixido a un público nado no dixital e cun destacado papel como consumidores do futuro. O gran factor diferencial é o seu formato en vertical adaptado 100% a dispositivos móbiles.

“Hoxe lanzamos IGTV a nova app para ver vídeos de longa duración, vídeos verticais dos vosos creadores de contido favoritos de Instagram. IGTV é diferente en varios sentidos. Está diseñado para adaptarse ó uso actual do móvil, para ver vídeos en pantalla completa e verticais. Ademáis, ao contrario de Instagram, os vídeos non están limitados a un minuto, senón que cada vídeo pode chegar ata unha hora.”

 En palabras de Kevin Systrom CEO da rede durante a presentación.

A aplicación é moi sinxela de usar, a través do símbolo da televisión incluído na parte superior dereita, pódese acceder directamente ós vídeos. Non é preciso buscar o contido, senón que automaticamente aparecerán os vídeos das persoas que se están a seguir en Instagram, ademáis de suxestións baseadas nos intereses dos usuarios.



Polo momento a duración dos vídeos situarase entre os 15 segundos e os 60 minutos de duración. Serán permanentes na canle do creador e non se replicarán os contidos das stories. Poderase comentar, dar “me gusta” e compartir coma nas redes tradicionais.

En IGTV os creadores son as canles e calquera pode ser creador. Instagram pretende así, continuar a ser un espazo que conecta xente que inspira, ensina e entreten.

Cal será a primeira marca galega en lanzarse a crear contido para esta plataforma ?


Pablo Roca

Levo a parte de analítica e estratexia na Betacunca. Amante do mundo online, dos cacharros tecnolóxicos e seriéfilo. Gosto de empregar anglicismos en dosis moderadas. Frase motivadora: “Faino ou non o fagas pero non o intentes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *