Non é a forza dos Jedi, nin a rapidez de Superman ou a capacidade de loita do Capitán América o que nos leva a escribir estas liñas. É sen dúbida algo máis humano, cunha gran dose de poder.

Atrás quedan polo tanto os protagonistas de Marvel se preferimos facer mención as agora superheroínas de quince metros, que un artista local quere homenaxear: as avoas galegas.

Enormes murais repartidos pola nosa comunidade relatan historias tan reais como conmovedoras. Joseba Muruzábal, artista coruñés, achéganos historias a través de representacións pictóricas. Superpoderes á altura do gran cocido galego. Como o dunha muller capaz de “levitar un polo e asálo coa súa banda de ondas de calor que prende dos seus ollos”. Esta é a visión que o artista ten de Maruxa, de Santiago de Compostela.

Joseba Muruzábal

E percorrendo as estradas galegas, quen non viu señoras engalanarse coas súas batas de cadros carretando grelos ou vendendo produtos da horta o pé dos seus fogares? Na ruta do grelo, por exemplo, un tramo da estrada entre Ordes e Sigüeiro, atopamos a Lola, que cos seus 91 anos converteuse en “A greleira de 50 pés”.

Joseba Muruzábal

Non é menos abraiante a ilustración de Luisa, de Cambre, a muller acróbata. Coñecemos entón, a través do autor, que no bar que rexenta foi acumulando case tantas bombonas de butano como galiñas tiña.

Joseba Muruzábal

E como non podía ser doutra maneira, tamén teñen cabida as percebeiras. Un oficio tan arriscado coma sacrificado. Claudina foi ao percebe dende os 15 ata os 65 anos e agora, aos seus 79, represéntana coma unha ninja, saltando de roca en roca.

Joseba Muruzábal

1 Comment

Feedly ou como sacar ideas para escribir no teu blog - A Betacunca · 20 Xuño, 2018 ás 12:01

[…] Con esta ferramenta podes leer antes que ninguén os artigos máis actuais da Betacunca como cando falamos de superheroínas. Se che gustou, comparte e difunde; un pouco de feedback nunca ven […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *